venres, 4 de decembro de 2020

Poesía de Rosalía de Castro -Castellana de Castilla- pertencente ao seu romanceiro "Cantares galegos"-

Castellana de Castilla
tan bonita e tan fidalga,
mais a quen para ser fera
ca procedencia lle abasta,
desíme, mi señora,
xa que os mostrás tan ingrata,
si o meu rendimento homilde
bascas de enoxo vos causa,
pois cando onda vós me achego
cuspís con ardentes ansias
i ese mirar de pombiña
volvés en fosca mirada,
tornando en sombrisa noite
o día que en sol se baña.
En vano intento, señora,
saber por qué me maltrata
dama dun alma tan nobre,
anque soberba por fama,
pois no é motivo a despreço
sintirse tan ben amada,
que as mesmas pedras, señora,
dun bon querer se folgaran.
Din que na nobre Castilla
así ós gallegos se trata;
mais debe saber mi Castilla,
que de tan grande se alaba,
que sempre a soberba torpe
foi filla de almas bastardas,
e sendo vós tan sabida,
nunca de vó-lo pensara,
que de tan alto baixando
vos emporcases na lama;
nin que chamándovos nobre,
tanta nobreza enfouçaras
imitando ós que vaidosos
no que está débil se ensañan.
Pero máis val que enmudeça,
pois tes condición de ingrata;
que predicar en deserto
da miña terra no é usanza.
Si fun curpabre en quereros
coma ningún vos amara,
por ser de terra gallega
e serdes vós castellana,
en paz, señora, vos deixo,
ca vosa soberba gracia,
e voume á Galicia hermosa
donde en xuntanza me agardan
o que non tendes, señora,
i o que en Castilla no hachara:
campiños de lindas rosas,
fontiñas de frescas augas,
sombra na beira dos ríos,
sol nas alegres montañas,
caras que nacen sorrindo
e que sorrindo nos aman,
e que índa mesmo morrendo
en sonrisiñas se bañan.
Alí, señora, contento
cantando o doçe "ala lala",
baixo a figueira frondosa,
en baixo da verde parra,
co-aquelas frescas meniñas
que mel dos seus labios manan,
cando en falar amoroso
"meigo" nos din en voz maina,
con tódalas de Castilla
nobrísimas castellanas
olvidaréivos sin pena,
anque sós vós tan fidalga.
Que aló saben ser altivas,
pero non saben ser vanas,
i é fácil con doçes tomas
olvidar tomas amargas.
Déchesmas vós, mi señora,
con despreço envenenadas,
inda con fero máis fero
que pelica de laranxa;
mais teño por que me pase
aquel sarrapio que escalda,
 teño unha dama nos Portos,
outra no Ribeiro de Avia;
si a dos Portos é bonita,
a do Ribeiro lle gana.



Ningún comentario:

Publicar un comentario