venres, 22 de maio de 2015

-Utópico-

Deberiamos destestar os ceos
que nos queiran obrigar,
delegalos a un pasado
e aí queden: baleiros.

Can miserábeis son!,
e sábeno.
Saben que che afunden
e congratúlanse diso.

Falarán logo en omisións
e nós crerémolos...
... pobres cegados de ilusión!
Espertaremos logo nun reino asolado.

Das nosas terras irtas
recordaremos os seus froitos,
froitos roubados polas pedras
que nos deixaron por legado.

E cando amencerán as súas verdades!
(e nós creámolas).
É a utopía do poder
que xamais poderá ser cambiado.


domingo, 17 de maio de 2015

Poesía de Rosalía de Castro -¡Terra a nosa! (poema VI)-

¡Sí, sí! Dios fixo esta encantada terra
   pra vivir e gozar;
pequeno paraíso, este é un remedo
   do que perdeu Adán.
Este plácido sol que nos aluma,
   estes aires do mar;
este tempre soave, estas campías
   que non teñen igual;
esta fala mimosa que nós temos,
   de tan doce solás,
que non sabe decir sinón cariños
   que hastra os corazóns van;
esta terra, non hai duda..., Diola fixo
   pra ser amada e amar.
¡Ei, Galicia, a que dorme soños de ánxel,
   e chora ó despertar
bágoas que si consolan as súas penas,
   non curan os seus mals!




xoves, 14 de maio de 2015

-E non me canso de pedir a túa man-

Se estando tan lonxe de min
sinto o teu bafo ao meu carón;
se os teus beizos mouros marmurian
ese doce canto incesante;
e se as miñas forzas afrouxan...
Constantemente pedirei a túa man.

Se fago fronte ao esquecemento
rememorando eses teus ollos;
se a miña ollada inda fulgura
e a túa inda non apagou;
e se estás aquí agochada...
Constantemente pedirei a túa man.

E se nunha arroutada infiel
afogásete no maxín,
saberás que iso non é certo,
que é imposible que ninguén
ocupe o trono da miña ialma
que constantemente pide a túa man.


luns, 11 de maio de 2015

-Ti, que es paso e non o sabes-

Ti, desterrado ao olimpo da vaidade,
alzaches en alto a túa espada
conxurando a miseria dos teus beizos.

Destruíches a fortificación
que engaiolaba os teus peores instintos,
ti, que xamáis camiñaches polo Edén.

Máis valería derrocar as desditas
antes de que se volvan feras.
Sal da túa gorida, alimaña!
Sal coa túa gadaña a vencer os males.

Ti, débil e insignificante,
sácaste os ollos coa ira
e intentas proseguir na escuridade do destino.

Cando todo sexa desolación
volverás a reprochar aos teus bigotes,
ti, que sempre fuches afeitado.








sábado, 9 de maio de 2015

-Vólveme-

E se estiveses a gozar do cansanzo
que asola as miñas solitarias mans;
se puideses sorrir no meu alento
sen alimentar máis a espera;
se quixeses rebaterlle ao vento
e á marea combater;
se foses a calma na mañá
e o sospiro á noite...
E se volveses?


xoves, 7 de maio de 2015

Poesía de Eduardo Blanco Amor -Romance de feitizo de amor-

     Arrimeime a un pino verde
     por ver si me consolaba...

Arrimeime a un pino verde
contando con estar acollido,
menos da choiva do ceo
que do meu propio feitizo.
Pedinlle consolo ao ar
pasouse o ar fuxitivo;
pedinlle consolo ás augas,
de min se arrendaron rindo;
senteime á veira do mar,
¡atopeime tan cativo!
Quixen deprender coas olas,
soio deprendín sospiros;
quixen parolar coas nubes,
tan outas non me sentiron.
Aos paxaros rexoubeiros
amostreilles o meu sino,
os paxaros peteiraron
no meu corazón ferido.
Funme consellar coas pedras
vellas coma o mundo mismo,
mostráronme a sua dureza
i eu entendín o seu dito.
Canso do longo penar
arrimeime a un verde pino
e faleille: ¿Entenderás
ti meu door, irmanciño?
¡ I en troques de responder
botouse a chorar conmigo!


mércores, 6 de maio de 2015

-Sinto e non sinto-

Sinto e non sinto.
Non sei se sinto
e, se sinto, sinto mal.

Mal que te sinto tanto,
sinto terte coñecido.
Sintote asentado tan dentro!

Mal que te sinto,
sinto que non me sintas tanto...
e eu sinta e sinto que te sinto.

Non saberás que o sinto, mal,
e síntoo porque non me sintas
se me sento e non te sinto máis.


sábado, 2 de maio de 2015

-Eras ti-

Eras ti,
dor,
eras, granate,
a miña selva.

Mañá eras,
día;
eras granate
e branca caveira.

Fuches ti,
amor,
fuches, granate,
o meu soño.

Chaira fuches,
noite.
Fuches, granate,
fuches inocencia.