martes, 9 de xuño de 2015

-Que non termino de rematar-

Instantáneas cautivadas de desexos
que agora rompo no meu balcón
coa soidade do tempo eterno,
e aldraxes, e reproches postremeiros,
e maldicións da miña dor.

Desfrolecen esas fotos escuras,
tinguidas de pasada felicidade;
desfrolecen nas miñas frías pólas
como contos no seu final
que nunca terminan de rematar.

E mentres eu me desespero,
acaricio o candor das túas veas
que quixeron latexar en min
cando o meu corazón latexou na túa terra,
que quixeron sofrir en min.


venres, 22 de maio de 2015

-Utópico-

Deberiamos destestar os ceos
que nos queiran obrigar,
delegalos a un pasado
e aí queden: baleiros.

Can miserábeis son!,
e sábeno.
Saben que che afunden
e congratúlanse diso.

Falarán logo en omisións
e nós crerémolos...
... pobres cegados de ilusión!
Espertaremos logo nun reino asolado.

Das nosas terras irtas
recordaremos os seus froitos,
froitos roubados polas pedras
que nos deixaron por legado.

E cando amencerán as súas verdades!
(e nós creámolas).
É a utopía do poder
que xamais poderá ser cambiado.


domingo, 17 de maio de 2015

Poesía de Rosalía de Castro -¡Terra a nosa! (poema VI)-

¡Sí, sí! Dios fixo esta encantada terra
   pra vivir e gozar;
pequeno paraíso, este é un remedo
   do que perdeu Adán.
Este plácido sol que nos aluma,
   estes aires do mar;
este tempre soave, estas campías
   que non teñen igual;
esta fala mimosa que nós temos,
   de tan doce solás,
que non sabe decir sinón cariños
   que hastra os corazóns van;
esta terra, non hai duda..., Diola fixo
   pra ser amada e amar.
¡Ei, Galicia, a que dorme soños de ánxel,
   e chora ó despertar
bágoas que si consolan as súas penas,
   non curan os seus mals!




xoves, 14 de maio de 2015

-E non me canso de pedir a túa man-

Se estando tan lonxe de min
sinto o teu bafo ao meu carón;
se os teus beizos mouros marmurian
ese doce canto incesante;
e se as miñas forzas afrouxan...
Constantemente pedirei a túa man.

Se fago fronte ao esquecemento
rememorando eses teus ollos;
se a miña ollada inda fulgura
e a túa inda non apagou;
e se estás aquí agochada...
Constantemente pedirei a túa man.

E se nunha arroutada infiel
afogásete no maxín,
saberás que iso non é certo,
que é imposible que ninguén
ocupe o trono da miña ialma
que constantemente pide a túa man.


luns, 11 de maio de 2015

-Ti, que es paso e non o sabes-

Ti, desterrado ao olimpo da vaidade,
alzaches en alto a túa espada
conxurando a miseria dos teus beizos.

Destruíches a fortificación
que engaiolaba os teus peores instintos,
ti, que xamáis camiñaches polo Edén.

Máis valería derrocar as desditas
antes de que se volvan feras.
Sal da túa gorida, alimaña!
Sal coa túa gadaña a vencer os males.

Ti, débil e insignificante,
sácaste os ollos coa ira
e intentas proseguir na escuridade do destino.

Cando todo sexa desolación
volverás a reprochar aos teus bigotes,
ti, que sempre fuches afeitado.








sábado, 9 de maio de 2015

-Vólveme-

E se estiveses a gozar do cansanzo
que asola as miñas solitarias mans;
se puideses sorrir no meu alento
sen alimentar máis a espera;
se quixeses rebaterlle ao vento
e á marea combater;
se foses a calma na mañá
e o sospiro á noite...
E se volveses?


xoves, 7 de maio de 2015

Poesía de Eduardo Blanco Amor -Romance de feitizo de amor-

     Arrimeime a un pino verde
     por ver si me consolaba...

Arrimeime a un pino verde
contando con estar acollido,
menos da choiva do ceo
que do meu propio feitizo.
Pedinlle consolo ao ar
pasouse o ar fuxitivo;
pedinlle consolo ás augas,
de min se arrendaron rindo;
senteime á veira do mar,
¡atopeime tan cativo!
Quixen deprender coas olas,
soio deprendín sospiros;
quixen parolar coas nubes,
tan outas non me sentiron.
Aos paxaros rexoubeiros
amostreilles o meu sino,
os paxaros peteiraron
no meu corazón ferido.
Funme consellar coas pedras
vellas coma o mundo mismo,
mostráronme a sua dureza
i eu entendín o seu dito.
Canso do longo penar
arrimeime a un verde pino
e faleille: ¿Entenderás
ti meu door, irmanciño?
¡ I en troques de responder
botouse a chorar conmigo!


mércores, 6 de maio de 2015

-Sinto e non sinto-

Sinto e non sinto.
Non sei se sinto
e, se sinto, sinto mal.

Mal que te sinto tanto,
sinto terte coñecido.
Sintote asentado tan dentro!

Mal que te sinto,
sinto que non me sintas tanto...
e eu sinta e sinto que te sinto.

Non saberás que o sinto, mal,
e síntoo porque non me sintas
se me sento e non te sinto máis.


sábado, 2 de maio de 2015

-Eras ti-

Eras ti,
dor,
eras, granate,
a miña selva.

Mañá eras,
día;
eras granate
e branca caveira.

Fuches ti,
amor,
fuches, granate,
o meu soño.

Chaira fuches,
noite.
Fuches, granate,
fuches inocencia.



mércores, 29 de abril de 2015

-Celada-

Eras ti ladaíña en min,
delicadeza latexante.
Eras ébano sangante
e opio pra os meus sesos.

Reduciches a miña paixón
coa trampa da túa fuxida,
mais os mitins nocturnos
negáronse a crela.

Agora escapo das castas palabras,
prefiro construír un futuro...
mais non chega o ar, sobra!
...Ti prefires seguir evadida.

Agora esquezo as castas miradas
coa dor amarga da derrota.
Prefiro que o teu engano acabe aquí
a volver ver como che afastas.


xoves, 23 de abril de 2015

-Se me rendo-

Sinto que agonizo
como a iauga que vara na praia,
que afogo nun sospiro
... que me mata.
Seica me rendo
cando o sol aínda latexa;
que latexando eu morro
se non te atopo.


luns, 20 de abril de 2015

-Pretenderon gobernar-

Can desgraciadas sereas
devolveron á lúa o seu cantar,
desafiuzados curandeiros as súas albricias,
musas núas a súa humanidade.

Can devotos misioneiros
devoraron as súas almas en tempestade,
divindades ronceiras os seus desexos;
flautulentas necesidades a súa bondade.

Conquistaron alquimistas necidades;
indecentes conquitaron sociedade;
soberanos conquistaron malditos reinos
e, malditos, morrerán.

Sepultaron logo os ripios
escondendo ao paso a súa humildade.
Devastaron pastos, postularon egos
que nin en mil anos se esquecerán.




luns, 13 de abril de 2015

-Ser quen te arrole-

Por qué non ser eu quen te despida cada noite
e cada mañá ser os primeiros ollos que che falen:
espir a ialma nun infinito,
prohibir falar máis do necesario,
cantar cos labios selados.
Selar un contrato perenne.

Por qué non ser eu o teu escravo eterno...
Ah!, non!, se o son!... e seguireino a ser,
ata que un día diga abonda,
ou as túas palabras me abonden,
ou o ceo caia...
E por qué non!


sábado, 11 de abril de 2015

Poesía de Xosé Neira Vilas - Ai, amor!-

Que lonxe! Que lonxe estás!
Canta terra entre nós dous.
Peno dende que te fuches.
Ai, amor! Ai, amor!

Cando busco nos teus ollos,
magóame o corazón.
Cantas cousas non pasaron!
Ai, amor! Ai, amor!

Pasaron meses e anos,
e a mocidade pasou.
Mido por noites o tempo.
Ai, amor! Ai, amor!

Por ti agardo cada día,
ateigada de ilusión.
Ven axiña, volta a min.
Ai, amor! Ai, amor!

Ai amor, que lonxanía!
Que soedade, que delor!
Vivir sen ti non é vida.
Ai, amor! Ai, amor!

Cartas van e cartas veñen
e as palabras tinta son.
Quero escoitar a túa voz!
Ai, amor! Ai, amor!


venres, 10 de abril de 2015

-Que ameazantes amenceres!-

Dunas que se leva o vento,
desertos enteiros afogados.
Brumas silenciosas, desexosas escuridades...
Amenceres sobrantes.

Calquera se rendería antes do combate;
sospiros xeados axexando os campos.
Calquera claudicaría tras unha vitoria;
podres pesares envelenados.

Montañas caídas da nada,
fontes con murmurios de lume.
Charcos enormes, colosais enxames...
Amenceres sobrantes.

Calquera diría basta sen antes loitar;
corroídas miradas polo tempo.
Calquera esquecería despois de soñar;
a humidade do meu ropaxe... que soidade!

Que dunas tas sobrantes!
Que desertos infinitos!
Que brumas!, que escuridades!
Que amenceres sobrantes!
Que montañas vexetais!
Que murmurantes fontes!
Que charcos!, que enxames!
Qué amenceres sobrantes...


mércores, 8 de abril de 2015

Ensaio -Esquecédeme, demos-

Demos mil no meu intelecto imaxinando! Brincan cal sapos namorados demacrando a miña paciencia; disimulando van coa súa preguiza a devorarme: deixádeme!

Interrompen a miña estanza cegándome. Por un momento ouveo intentando desfacerme da mala suor.

Demos mil do meu intelecto fumando!... E eu daría as miñas vísceras porque me deixasen respirar un segundo; nun momento, séguenme fodendo.

Abondaría quedar en xaxunas para que me devolvan a ialma?

Demos mil ao meu intelecto machucando! Só unha vez máis: ESQUECÉDEME!


mércores, 1 de abril de 2015

-Cando o tempo nos separou-

De cando o vran asomaba as súas luces
e ti, o meu luceiro, perdíaste no tempo,
recordaba eu.

De cando o mar devoraba o meu corpo
e ti, o meu animal, devorabas a miña mente,
recordaba eu.

De cando a noite saciaba as miñas penas
e ti, o meu beber, deixábasme morrer de sede...

De cando chegaba o vran
e o tempo non se paraba.
De cando volvía o triste vran
e o tempo nos separaba.


luns, 30 de marzo de 2015

-Comprensión-

Ai!, non máis que un probe son;
nada máis son, Señor, triste.
Non teño nin intento de sorriso
co que fraguar a miña destida.

Ai!, non máis que un tolo
que foxe covarde o presente.
Non teño nin sol candente
nin latexante teño o corazón...
     ... arrefriouse o suicida hai anos
     buscando un pouco de comprensión.

Ai!, que non podo seguir chorando!,
que xa me chaman salgueiro chorón!,
que o mar anóxase co meu choro!
Que non quero máis que o teu amor.

Ai!, qué pena máis triste e doente,
coma se me arrebatasen a túa dor.
Se sempre fun alegre aguantándoa,
mais agora non o son.


xoves, 26 de marzo de 2015

-O cántaro-

Foi tanto o cántaro á fonte
que rematou coa súa estrutura erosionada.
Xubiloso e cheo de vida,
en mala hora esvararon as desgrazas.

Desquiciou a súa soa existencia
nun fluído de odio inconsciente.
Foi tanto o cántaro á fonte...
E ata a fonte sentiu mágoa.


Poesía de Lois Pereiro -¿Qué lle podo ofrecer a quen me intente?-

¿Qué lle podo ofrecer a quen me intente?
días contados de paixón inerte
e amor eterno sempre compartido
coa débeda obrigada a unha existencia
amortizada en pagos usuarios
conxugando os verbos vivir e amar
en primeira persoa do plural
reducidos ás formas do presente.

¿Qué lle podo ofrecer a quen me intente
se son un fío solto da esperanza
tecida e destecida
por Penélope?

Autor: Lois Pereiro (extraído da súa antoloxía poética "Poesía última de amor e enfermidade" (1992-1995) )






mércores, 25 de marzo de 2015

-Namentres ti, namentres eu-

E mentres, eu, rumiando estou a dor,
rumiando o eco da miña armazón,
corazón armado, contextura
maleábel da miña ialma, da incauta
ánima desprovista de calor.

E mentres, eu, desfrolando un adeus,
desfrolando unha misericordia,
amando un espectro do pasado
neste, no meu amargo relicario,
neste, no meu amargo desacougo.

E mentres, ti, declinando un mundo,
declinando vas a miña válvula:
fracturada, estragada, crebada,
sedenta á espera dun mesmo sono,
sedenta á espera da túa comprensión.

E mentres, ti, esquecendo o corazón,
esquecendo os meus lamentos, fortes
lamentos que sinto en min cravados;
esquecendo o cárcere esmirrado
de amor, e de alegría, e de esperanza.

E mentres, ti e eu, morréndonos imos.
E mentres, eu e ti, morrendo nos imos.


martes, 24 de marzo de 2015

-Beizos de cuspe-

Sobre cántos muros cuspín
unha e outra vez
sen máis retrucas que o silenzo...
E agora, murón, sorrío:
as mans nos ollos,
as verbas no peto.
No peito os contos.


luns, 23 de marzo de 2015

-06.mov-

Era ionki da calma
e camelo da tempestade,
piadosa alma da dúbida
xemendo nun pedestal.

Vendeuse polo que non era
e agora é unha verdade
que berrou, que berra, que berrará...
que se atragoou unha bala.

Por que non montas o crebacabezas
que deixaches estendido no chan?

Unha vez escribiu a súa vida
e o seu testamento arrebatoulla.
Dime se é igual o inferno
que o chan que piso cada día,

ou talvez mires ao inferno
dende o alto da túa grandeza.
Dime se é igual o ceo
que estar colgado dunha mentira.

Por que non montas o crebacabezas
que deixaches estendido no chan?


domingo, 22 de marzo de 2015

-Hai unha pintada-

É de esperar que algún día
a lúa caia do ceo
e deixe unha ausencia infinita.

Aos meus pés ha de caer
e, como soportar
que tantas pombas
se deixen de arrolar!

Intentarei colgala,
pero antes escribirei o teu nome
cal se fose nunha árbore,

e así ti o poderás ver,
e eu crer que o verás,
e todos os demáis pensarán
que na lúa hai unha pintada.

... E se caese aos teus pés
e escribises xunto ao teu
o meu nome e a colgases...


sábado, 21 de marzo de 2015

-Senlleira soidade-

Senlleiro e frío leito
que invade o meu soñar;
solitaria e triste mañá
que avasala o meu espertar.
Sodes crueis cal infinito
que nunca chega ao seu final!
Sodes insensíbeis!, sodes miserábeis!
...deixade a miña ialma repousar.


mércores, 18 de marzo de 2015

-Betanços-

Canta, anduriña, canta,
entoa un alalá.
Xa ves, volvo a ter morriña
daquela vila feudal.

Soan as cantigas de escarnio,
soan no meu coraçon.
Canta, anduriña, canta,
quitame esta dor!


martes, 17 de marzo de 2015

(Ensaio) -Que cese a vella canción-

Así que cesen as cancións e a lúa cese no seu empeño de cuspirme; así os raios omitan aos tronos ou as nubes traian boas novas; así os paxaros deixen de picotearme os ollos e as ovellas de balarme nos oídos: nese momento bailarán as futuras imaxes pisando as irtas momias que bombean o meu pasado.

Así o traidor cese a súa traizón; así o sol se renove; así os meus ollos deixen de sangrar; así as horas mexan a miña cordura. Aí bailarán as vindeiras boas novas pisando as que amorgallaron o meu pasado.

Asi morran as vellas estampas!, non quero recordalas na miña dor! Asi crezan as marabillas que hoxe non coñezo!; que crezan e duren e se aferren ao meu esgazado motor. Que sexan benvidas! Que vivan!...

...así cese a vella canción.


luns, 16 de marzo de 2015

-Conclúe, caveira-

Pálida caveira que apalpa os meus miolos,
desapareces cando a noite naufraga.
Defendes a posición na miña válvula
e, a regañadentes, sígote esquecendo.

Caveira sangante, non digas adeus;
hoxe agárdote de novo no meu descanso.
Ultráxame outra vez cos teus fríos seos
e esquézanseche os bicos que non che dou.

Sarcástica caveira que me acompaña,
ri máis alto, que non te oio.
Non sabes beber sen mollar os beizos?:
pois os meus deixaches disecados.

Improbable caveira sen carne nin pel,
nin escamas que arroupen o meu porvir;
regrésame ao teu infinito esquecemento
que eu xa non volverei contigo a durmir.

Caveira desterrada,
caveira inconclusa,
caveira das miñas veas.
Caveira.



-Oda á nena que conversou coa lúa-

Está xa a nena chorando
(qué covarde que está esta nena),
está coa súa boneca rota
(qué covardes boneca e nena).
Está a nena coa lúa
(qué bonita a lúa que está),
estalle a contar as súas penas
(que peniña as súas penas me dan!).

Ai!, que doída está a nena!;
dime, nena, por que ti o estás?
Está doída en desamores
(nena da ialma, non o esteas máis).
Ai!, que a nena se nos morre!
(a ver se conmove ó seu galán).
Por que a nena está chorando?;
será que será, por que será?

-Fonte esperanza-

Son remiradas as fontes eternas,
castigan co seu cántico a miña ialma.
Xamais poderán velar o meu perdón
nin mirar poderán xamais os meus furtivos ollos.

Son malvadas e aniñan nas miñas esperanzas
cal espiñas que na ialma se cravan.
Son malvadas, mais non lles podo reprochar
que nunca acudisen ás miñas chamadas.

Dos seus tiranos seos aléitome
cando a saciedade queima a miña boca.
Provocan o meu rexeitamento, a miña dor...
e non albergan ilusións de cesar os seus cantos.

Son escuras, granates as augas son.
Son reproches, e utopías; e non son.
Son preocupantes poesías de escarnio e maldicir.
Son malvadas e remiradas.
As fontes, enfermas son.


sábado, 14 de marzo de 2015

-Un (ex) alumno-

Cómo vos boto de menos:
apuntamentos, pizarras, mesas,
excursións, suspensos, compañeiros, ...

Qué pronto chegastes
e qué fugazmente dixestes adeus,
case que non vos coñecín.

Sempre vos levarei dentro,
como unha morriña eterna:
exames, novillos, recreos, ...


xoves, 12 de marzo de 2015

-O home que se agochou tras a árbore-

Salgueiros, laranxeiras, carballos,
piñeiros e eucaliptos altos,
amendoeiras, nogueiras, olmos;
congoxas das súas paixóns.

Suspenso na prosa maldita,
desterrado do verso axexador,
roto polas faladurías
de certo desencanto de amor.

Chopos, maceiras, cerdeiras,
plátanos e aciñeiras rotas,
figueiras, vides sen froitos;
congoxas das súas paixóns.

Camiña o home de medo
tras sombra arrebatadora de árbore.
Dicindo vai un refraneiro
á súa ialma fría, solitaria e parca.


mércores, 11 de marzo de 2015

-Ámame aínda que sexa nos meus sonos-

Ámame mentres este mundo minta,
antes de que se morran os idiotas.
Que as nubes non aniñen para sempre
na vil soidade desta miña cama!
Ámame cal se fose o teu estraño.

Réndense as guillotinas á caluga
e os reloxos son eternos espectros
lembrando incesantemente o pasado.
Ámame compasadamente ao son
da melodiosa mentira do mundo.

Aparécenseme as túas carnes mouras
cada noite ao comezar os meus sonos
abrigando os meus vivos pesadelos,
asfixiando de novo o novo espertar.
Ámote cal se ti foses meu engano.

... E, ámame coma se nunca existise,
coma se estivese fóra do mundo,
moi lonxe deste mundo de mentira.
Coma se fose a ser o último día:
indúltame, e fai dos meus pesadelos
unha gran maraña de esquecementos.

Lanzarei despois a miña vil mole
contra esa gris rocha sombría de antano.
Amencerei logo co teu sorriso
arrolando os meus beizos conxelados.
Ai!, pero que mentira mentireira!,
pois finarei se non me das amado!








-Excelente-

Fun un home escuro,
son un algo negro;
quixera ser algo de ti,
poida que a túa vida.

Sinxelamente son unha letra,
unha verba de excelente cor vermello
coma unha ferida aberta
no curruncho da vida.

luns, 9 de marzo de 2015

-No peito-

Á fermosura puxéronlle o teu nome
e eu adiqueille un longo intre na eternidade.
O sorriso máis puro foi o dos teus beizos
e eu tiven que aturalo moi lonxe de min.

De cando en cando, atopo verbas valeiras
e póñolles vida leda,
mais sempre che son as cancións morriñeiras
as que oio no peito, as que oio...

-Devezos-

Devezos de coroar a túa paixón;
apaixónanme os teus beizos.
Distinto o senso que che adiquei
avalgado no meu castelo.

Tremo cando chega a noite
e outro bico ameaza co seu fío
o degolar da miña gorxa
... miña gorxa baleria.

venres, 6 de marzo de 2015

-Onde estarás?-

Ónde estará ese río de bagaxe infinita
onde o lume acendes sen querer.
Ónde estará ese río tan abondante
de bágoas entumecedoras,
miradas perdidas,
sospiros e dor.

Da iauga que por el corre bebería
se ti estiveses no seu interior,
pero cega visión dun mundo imperfecto
lévame a non te buscar máis.
E creo endoudecer,
mais non vou chorar.

Ónde estará ese río do esquecemento perdido
onde posiblemente xa non me recordes.
Ónde estará ese río turbulento
pola ira da dúbida,
por carnal desexo,
por sospiros, por dor.

Penso que nas súas sombras ti te escondes
cal reflexo de ceo gris.
Ónde estará ese río, ónde,
que me leva a buscarte de novo.
E creo endoudecer
mais non vou chorar.

xoves, 5 de marzo de 2015

-Consumido espero-

Ti, triste frol das miñas ansias,
no infinito escóndeste
cal segredo nunha palabra.

Oh!, delicada ti, ollos pardos!
que na miña ialma agochas versos
e nos meus versos sensacións!

Remata xa de iñorarme
e deixa ao meu corpo saciarse
de plena dor!, ingrata.

Consumidas as derrotas xa,
consumidos os desexos?
Xa saberás que espero
se esperar é cruzar os brazos.

Lúa, ti esculcarás a súa senda
e dirasme se aínda recorda
cómo mirarme aos ollos.

...Ti, a triste frol da miña espera.


-... por ti-

Mintes se cres que nunca chorei,
se cres que o meu lume está calmo,
se cres que un futuro é mellor que un pasado.
Se dis que nunca me falaches cos ollos.

Denuncias a calma coa que saes
... e iso doe;
fas que sinta como o meu tempo arde
sen un mal sentimento firme.

Cústame calar tanta amargura,
levar tan só o calvario desta tortura.
Axúdame a suxeitar a miña cruz
que eu agarrarei a túa dor coa miña ialma.

Logo créome casado coa soidade
e a xente rabúñame tanta fortuna,
pero amarro forte a miña causa perdida
e azouto a miña mente con quen me deu morte.

E álzase o camposanto en vitoria,
traga a terra os meus pensamentos.
E sei que non me virás a visitar
ata que saibas por qué morrín...