luns, 30 de marzo de 2015

-Comprensión-

Ai!, non máis que un probe son;
nada máis son, Señor, triste.
Non teño nin intento de sorriso
co que fraguar a miña destida.

Ai!, non máis que un tolo
que foxe covarde o presente.
Non teño nin sol candente
nin latexante teño o corazón...
     ... arrefriouse o suicida hai anos
     buscando un pouco de comprensión.

Ai!, que non podo seguir chorando!,
que xa me chaman salgueiro chorón!,
que o mar anóxase co meu choro!
Que non quero máis que o teu amor.

Ai!, qué pena máis triste e doente,
coma se me arrebatasen a túa dor.
Se sempre fun alegre aguantándoa,
mais agora non o son.


xoves, 26 de marzo de 2015

-O cántaro-

Foi tanto o cántaro á fonte
que rematou coa súa estrutura erosionada.
Xubiloso e cheo de vida,
en mala hora esvararon as desgrazas.

Desquiciou a súa soa existencia
nun fluído de odio inconsciente.
Foi tanto o cántaro á fonte...
E ata a fonte sentiu mágoa.


Poesía de Lois Pereiro -¿Qué lle podo ofrecer a quen me intente?-

¿Qué lle podo ofrecer a quen me intente?
días contados de paixón inerte
e amor eterno sempre compartido
coa débeda obrigada a unha existencia
amortizada en pagos usuarios
conxugando os verbos vivir e amar
en primeira persoa do plural
reducidos ás formas do presente.

¿Qué lle podo ofrecer a quen me intente
se son un fío solto da esperanza
tecida e destecida
por Penélope?

Autor: Lois Pereiro (extraído da súa antoloxía poética "Poesía última de amor e enfermidade" (1992-1995) )






mércores, 25 de marzo de 2015

-Namentres ti, namentres eu-

E mentres, eu, rumiando estou a dor,
rumiando o eco da miña armazón,
corazón armado, contextura
maleábel da miña ialma, da incauta
ánima desprovista de calor.

E mentres, eu, desfrolando un adeus,
desfrolando unha misericordia,
amando un espectro do pasado
neste, no meu amargo relicario,
neste, no meu amargo desacougo.

E mentres, ti, declinando un mundo,
declinando vas a miña válvula:
fracturada, estragada, crebada,
sedenta á espera dun mesmo sono,
sedenta á espera da túa comprensión.

E mentres, ti, esquecendo o corazón,
esquecendo os meus lamentos, fortes
lamentos que sinto en min cravados;
esquecendo o cárcere esmirrado
de amor, e de alegría, e de esperanza.

E mentres, ti e eu, morréndonos imos.
E mentres, eu e ti, morrendo nos imos.


martes, 24 de marzo de 2015

-Beizos de cuspe-

Sobre cántos muros cuspín
unha e outra vez
sen máis retrucas que o silenzo...
E agora, murón, sorrío:
as mans nos ollos,
as verbas no peto.
No peito os contos.


luns, 23 de marzo de 2015

-06.mov-

Era ionki da calma
e camelo da tempestade,
piadosa alma da dúbida
xemendo nun pedestal.

Vendeuse polo que non era
e agora é unha verdade
que berrou, que berra, que berrará...
que se atragoou unha bala.

Por que non montas o crebacabezas
que deixaches estendido no chan?

Unha vez escribiu a súa vida
e o seu testamento arrebatoulla.
Dime se é igual o inferno
que o chan que piso cada día,

ou talvez mires ao inferno
dende o alto da túa grandeza.
Dime se é igual o ceo
que estar colgado dunha mentira.

Por que non montas o crebacabezas
que deixaches estendido no chan?


domingo, 22 de marzo de 2015

-Hai unha pintada-

É de esperar que algún día
a lúa caia do ceo
e deixe unha ausencia infinita.

Aos meus pés ha de caer
e, como soportar
que tantas pombas
se deixen de arrolar!

Intentarei colgala,
pero antes escribirei o teu nome
cal se fose nunha árbore,

e así ti o poderás ver,
e eu crer que o verás,
e todos os demáis pensarán
que na lúa hai unha pintada.

... E se caese aos teus pés
e escribises xunto ao teu
o meu nome e a colgases...


sábado, 21 de marzo de 2015

-Senlleira soidade-

Senlleiro e frío leito
que invade o meu soñar;
solitaria e triste mañá
que avasala o meu espertar.
Sodes crueis cal infinito
que nunca chega ao seu final!
Sodes insensíbeis!, sodes miserábeis!
...deixade a miña ialma repousar.


mércores, 18 de marzo de 2015

-Betanços-

Canta, anduriña, canta,
entoa un alalá.
Xa ves, volvo a ter morriña
daquela vila feudal.

Soan as cantigas de escarnio,
soan no meu coraçon.
Canta, anduriña, canta,
quitame esta dor!


martes, 17 de marzo de 2015

(Ensaio) -Que cese a vella canción-

Así que cesen as cancións e a lúa cese no seu empeño de cuspirme; así os raios omitan aos tronos ou as nubes traian boas novas; así os paxaros deixen de picotearme os ollos e as ovellas de balarme nos oídos: nese momento bailarán as futuras imaxes pisando as irtas momias que bombean o meu pasado.

Así o traidor cese a súa traizón; así o sol se renove; así os meus ollos deixen de sangrar; así as horas mexan a miña cordura. Aí bailarán as vindeiras boas novas pisando as que amorgallaron o meu pasado.

Asi morran as vellas estampas!, non quero recordalas na miña dor! Asi crezan as marabillas que hoxe non coñezo!; que crezan e duren e se aferren ao meu esgazado motor. Que sexan benvidas! Que vivan!...

...así cese a vella canción.


luns, 16 de marzo de 2015

-Conclúe, caveira-

Pálida caveira que apalpa os meus miolos,
desapareces cando a noite naufraga.
Defendes a posición na miña válvula
e, a regañadentes, sígote esquecendo.

Caveira sangante, non digas adeus;
hoxe agárdote de novo no meu descanso.
Ultráxame outra vez cos teus fríos seos
e esquézanseche os bicos que non che dou.

Sarcástica caveira que me acompaña,
ri máis alto, que non te oio.
Non sabes beber sen mollar os beizos?:
pois os meus deixaches disecados.

Improbable caveira sen carne nin pel,
nin escamas que arroupen o meu porvir;
regrésame ao teu infinito esquecemento
que eu xa non volverei contigo a durmir.

Caveira desterrada,
caveira inconclusa,
caveira das miñas veas.
Caveira.



-Oda á nena que conversou coa lúa-

Está xa a nena chorando
(qué covarde que está esta nena),
está coa súa boneca rota
(qué covardes boneca e nena).
Está a nena coa lúa
(qué bonita a lúa que está),
estalle a contar as súas penas
(que peniña as súas penas me dan!).

Ai!, que doída está a nena!;
dime, nena, por que ti o estás?
Está doída en desamores
(nena da ialma, non o esteas máis).
Ai!, que a nena se nos morre!
(a ver se conmove ó seu galán).
Por que a nena está chorando?;
será que será, por que será?

-Fonte esperanza-

Son remiradas as fontes eternas,
castigan co seu cántico a miña ialma.
Xamais poderán velar o meu perdón
nin mirar poderán xamais os meus furtivos ollos.

Son malvadas e aniñan nas miñas esperanzas
cal espiñas que na ialma se cravan.
Son malvadas, mais non lles podo reprochar
que nunca acudisen ás miñas chamadas.

Dos seus tiranos seos aléitome
cando a saciedade queima a miña boca.
Provocan o meu rexeitamento, a miña dor...
e non albergan ilusións de cesar os seus cantos.

Son escuras, granates as augas son.
Son reproches, e utopías; e non son.
Son preocupantes poesías de escarnio e maldicir.
Son malvadas e remiradas.
As fontes, enfermas son.


sábado, 14 de marzo de 2015

-Un (ex) alumno-

Cómo vos boto de menos:
apuntamentos, pizarras, mesas,
excursións, suspensos, compañeiros, ...

Qué pronto chegastes
e qué fugazmente dixestes adeus,
case que non vos coñecín.

Sempre vos levarei dentro,
como unha morriña eterna:
exames, novillos, recreos, ...


xoves, 12 de marzo de 2015

-O home que se agochou tras a árbore-

Salgueiros, laranxeiras, carballos,
piñeiros e eucaliptos altos,
amendoeiras, nogueiras, olmos;
congoxas das súas paixóns.

Suspenso na prosa maldita,
desterrado do verso axexador,
roto polas faladurías
de certo desencanto de amor.

Chopos, maceiras, cerdeiras,
plátanos e aciñeiras rotas,
figueiras, vides sen froitos;
congoxas das súas paixóns.

Camiña o home de medo
tras sombra arrebatadora de árbore.
Dicindo vai un refraneiro
á súa ialma fría, solitaria e parca.


mércores, 11 de marzo de 2015

-Ámame aínda que sexa nos meus sonos-

Ámame mentres este mundo minta,
antes de que se morran os idiotas.
Que as nubes non aniñen para sempre
na vil soidade desta miña cama!
Ámame cal se fose o teu estraño.

Réndense as guillotinas á caluga
e os reloxos son eternos espectros
lembrando incesantemente o pasado.
Ámame compasadamente ao son
da melodiosa mentira do mundo.

Aparécenseme as túas carnes mouras
cada noite ao comezar os meus sonos
abrigando os meus vivos pesadelos,
asfixiando de novo o novo espertar.
Ámote cal se ti foses meu engano.

... E, ámame coma se nunca existise,
coma se estivese fóra do mundo,
moi lonxe deste mundo de mentira.
Coma se fose a ser o último día:
indúltame, e fai dos meus pesadelos
unha gran maraña de esquecementos.

Lanzarei despois a miña vil mole
contra esa gris rocha sombría de antano.
Amencerei logo co teu sorriso
arrolando os meus beizos conxelados.
Ai!, pero que mentira mentireira!,
pois finarei se non me das amado!








-Excelente-

Fun un home escuro,
son un algo negro;
quixera ser algo de ti,
poida que a túa vida.

Sinxelamente son unha letra,
unha verba de excelente cor vermello
coma unha ferida aberta
no curruncho da vida.

luns, 9 de marzo de 2015

-No peito-

Á fermosura puxéronlle o teu nome
e eu adiqueille un longo intre na eternidade.
O sorriso máis puro foi o dos teus beizos
e eu tiven que aturalo moi lonxe de min.

De cando en cando, atopo verbas valeiras
e póñolles vida leda,
mais sempre che son as cancións morriñeiras
as que oio no peito, as que oio...

-Devezos-

Devezos de coroar a túa paixón;
apaixónanme os teus beizos.
Distinto o senso que che adiquei
avalgado no meu castelo.

Tremo cando chega a noite
e outro bico ameaza co seu fío
o degolar da miña gorxa
... miña gorxa baleria.

venres, 6 de marzo de 2015

-Onde estarás?-

Ónde estará ese río de bagaxe infinita
onde o lume acendes sen querer.
Ónde estará ese río tan abondante
de bágoas entumecedoras,
miradas perdidas,
sospiros e dor.

Da iauga que por el corre bebería
se ti estiveses no seu interior,
pero cega visión dun mundo imperfecto
lévame a non te buscar máis.
E creo endoudecer,
mais non vou chorar.

Ónde estará ese río do esquecemento perdido
onde posiblemente xa non me recordes.
Ónde estará ese río turbulento
pola ira da dúbida,
por carnal desexo,
por sospiros, por dor.

Penso que nas súas sombras ti te escondes
cal reflexo de ceo gris.
Ónde estará ese río, ónde,
que me leva a buscarte de novo.
E creo endoudecer
mais non vou chorar.

xoves, 5 de marzo de 2015

-Consumido espero-

Ti, triste frol das miñas ansias,
no infinito escóndeste
cal segredo nunha palabra.

Oh!, delicada ti, ollos pardos!
que na miña ialma agochas versos
e nos meus versos sensacións!

Remata xa de iñorarme
e deixa ao meu corpo saciarse
de plena dor!, ingrata.

Consumidas as derrotas xa,
consumidos os desexos?
Xa saberás que espero
se esperar é cruzar os brazos.

Lúa, ti esculcarás a súa senda
e dirasme se aínda recorda
cómo mirarme aos ollos.

...Ti, a triste frol da miña espera.


-... por ti-

Mintes se cres que nunca chorei,
se cres que o meu lume está calmo,
se cres que un futuro é mellor que un pasado.
Se dis que nunca me falaches cos ollos.

Denuncias a calma coa que saes
... e iso doe;
fas que sinta como o meu tempo arde
sen un mal sentimento firme.

Cústame calar tanta amargura,
levar tan só o calvario desta tortura.
Axúdame a suxeitar a miña cruz
que eu agarrarei a túa dor coa miña ialma.

Logo créome casado coa soidade
e a xente rabúñame tanta fortuna,
pero amarro forte a miña causa perdida
e azouto a miña mente con quen me deu morte.

E álzase o camposanto en vitoria,
traga a terra os meus pensamentos.
E sei que non me virás a visitar
ata que saibas por qué morrín...